Orgullosas de ser Terceiro Sector. Orgullosas de tecer rede

0 111
Comparte!
As entidades do Terceiro Sector son unha peza fundamental na engranaxe do sistema de servizos sociais que precisa dun marco lexislativo e dunha financiación estable para poder sostelo.
No marco do Seminario Anual de EAPN tivo lugar un acto simbólico para poñer en valor o labor do Terceiro Sector, á vez que se poñían de manifesto carencias a solventar.

 

O pasado 26, 27 e 28 de novembro celebrouse o Seminario Anual de EAPN baixo o lema ‘Garantía de derechos y nuevos modelos de servicios sociales: el papel del Tercer Sector’. Esta edición tivo lugar en distintas localizacións da Coruña cunha acollida de máis dun centenar de representantes das entidades sociais e redes territoriais da EAPN.

O último día estivo adicado ao rol do Terceiro Sector na sociedade e a necesaria complementariedade e coordinación cos servizos públicos sociais como garante dunha cobertura de calidade das necesidades de toda a poboación, especialmente a máis vulnerable.

O Terceiro Sector é un motor de transformación social, “si no existiesen, estaríamos peores. Y van a ser más importantes en los próximos años” sinalaba Antón Costas, presidente do Consejo Económico Social na súa ponencia marco do Seminario. A pesares disto, non é anecdótico a sensación de falta de autoestima por parte das propias persoas traballadoras. Feito que se suma ao descoñecemento da cidadanía e a pouca valoración, alimentada en ocasións pola circulación de bulos e desinformacións.

Neste sentido, da man do xornalista Íñigo Caínzos levouse a cabo o Acto simbólico #OrgulloTercer Sector onde o sector cobrou protagonismo. A partir de materiais audiovisuais rescatados da campaña #OrgulloTerceiro Sector que o Grupo de Comunicación de EAPN Galicia impulsou hai uns meses, puídose visualizar o escaso coñecemento da cidadanía, á vez que se lle daba resposta por parte de entidades de toda España con datos rigorosos do seu labor.

Súmate a #OrgulloTercerSector

Hai razóns máis que sufientes para sentirse orgullosas do Terceiro Sector. Somos unha peza clave no reforzo do estado de benestar, creamos comunidade, considerando as persoas que teñen máis dificultade de acceso a espazos normalizados e somos un motor xerador de riqueza e emprego a pesares de carecer de ánimo de lucro. Súmate e alza a voz gravándote un vídeo explicando as túas razóns de por que estás orgullosa de formar parte deste sector e súbeo coa etiqueta #OrgulloTercerSector. Dende EAPN Galicia facemos un chamamento para animarvos a gravar un vídeo respondendo a pregunta “Por que estás orgullosa/o de traballar ou participar no Tercer Sector?” e subilo ás vosas redes co cancelo #OrgulloTercerSector.

Algunhas xa o fixeron.

Manifesto Orgullosas de ser Terceiro Sector. Orgullosas de tecer rede.

Ser Terceiro Sector leva implícito unha gran responsabilidade por iso tamén é preciso ser coñecedores das nosas limitacións, retos e oportunidades. Ser valientes e dar un paso en firme para que se nos considere, demandando unas melloras na financiación e nas condicións. Neste sentido, Raúl Jara, representante de EAPN Castela e León, Paula Tajuelo, representante de Fundación Esplai e Ana Álvarez, secretaria de EAPN Galicia leron o seguinte Manifesto:

Hoxe, 28 de novembro de 2025 reunímonos na Coruña decenas de entidades do Terceiro Sector de toda España no marco do Seminario Anual ‘Garantía de Dereitos e Novos Modelos de Servizos Sociais’. Todas tecendo rede nas distintas EAPN autonómicas e na nosa rede estatal.

Un dos obxectivos do seminario é promover o recoñecemento do Terceiro Sector e o seu papel imprescindible de parte e garante do sistema de servizos sociais. Por iso facer hoxe este acto simbólico baixo o lema ORGULLOSAS DE SER TERCEIRO SECTOR. ORGULLOSAS DE TECER REDE.

Neste sentido, dende as redes EAPN Galicia e EAPN España manifestamos o seguinte:

As organizacións que formamos parte do Terceiro Sector de Acción Social e as persoas profesionais e voluntarias que as impulsamos somos unha peza esencial e imprescindible non só do noso sistema de benestar senón do mesmo estado social e democrático de dereito.

Millóns de persoas en situación ou risco de pobreza ou exclusión social ven garantidos cada día os seus dereitos grazas ao traballo que realizan as e os profesionais de milleiros de entidades sociais en todo o país. Somos garantes do sistema público de servizos sociais, de emprego, de acceso á vivenda, a saúde ou a educación.

Non somos un engadido, senón un actor estrutural imprescindible para a cohesión social, o benestar e a democracia. Pero, sobre todo, somos o reflexo dunha cidadanía solidaria e comprometida cos dereitos humanos e a xustiza social. O noso labor pódese levar a cabo grazas aos millóns de persoas do noso país que achegan cos seus impostos e doazóns, co propósito de conseguir unha sociedade máis igualitaria e cohesionada, e que ademais fan esforzos aínda maiores en momentos de crise ou de emerxencias como os vistos recentemente na dana.

Sen embargo, seguimos enfrentándonos a unha profunda paradoxa. Mentres acompañamos a millóns de persoas cada ano, persiste unha certa invisibilidade e un insuficiente recoñecemento, cando non prexuízos e bulos que cuestionan o noso traballo, a nosa lexitimidade e ata a nosa contribución económica.

Temos demostrado con datos que o Terceiro Sector Social é motor de riqueza e emprego, que achega máis do 1,4 % do PIB en España, que emprega a máis de 600.000 persoas e que realiza decenas de millóns de intervencións anuais. Non só xeramos impacto social: garantimos un crecemento económico e un progreso colectivo que respecta e protexe ás persoas máis vulnerables.

As entidades sociais somos innovación, investigación, intervención comunitaria e participación democrática. Creamos valor económico e social. Somos un exemplo de traballo en rede con enfoque de dereitos. Temos a lexitimidade que nos dá o noso compromiso coa rendición de contas e con auditorías internas e externas constantes.

Comunicamos promovendo respecto e tolerancia, combatendo os discursos de odio, a desinformación e o ataque sistemático ás persoas máis vulnerables. Somos, con orgullo, defensoras da igualdade, a diversidade e dun modelo de convivencia basado nos dereitos humanos.

Hoxe queremos afirmar, con orgullo e con forza: Somos imprescindibles, somos esenciais, somos rede.

Asumimos e facemos noso o Manifesto da Plataforma do Terceiro Sector con motivo do Día Nacional do Terceiro Sector, reclamando un enfoque social na xestión das emerxencias, a reconstrución e a inclusión.

Ademais, é imprescindible denunciar tamén os ataques constantes a actores da sociedade civil e das organizacións de cooperación internacional, a violencia e mesmo o asesinato de traballadores e traballadoras, activistas e persoas voluntarias, que están levando a cabo un labor solidario imprescindible en diferentes zonas de conflito en todo o mundo -em detrimento da súa propia integridade-, para auxiliar a poboación civil e garantir os dereitos máis básicos de millóns de persoas.

Para poder seguir exercendo o noso traballo dignamente e de forma sustentada, reiteramos a necesidade e esixencia urxente de garantir un financiamento público suficiente, estable e estrutural que lles permita ás entidades cumprir a súa misión, con condicións laborais dignas para os seus profesionais e seguridade xurídica para a súa acción.

Reivindicamos:

  • A plena consideración do Terceiro Sector como axente esencial no deseño, execución e avaliación das políticas públicas.
  • Financiamento estable, plurianual e suficiente que asegure unha actuación efectiva contra a pobreza e a exclusión social e as causas estruturais que a provocan e agravan.
  • Un marco normativo que garante a sustentibilidade das entidades e a corresponsabilidade do conxunto das administracións públicas.
  • Un compromiso institucional firme para combater os discursos de odio, a aporofobia, o racismo, a xenofobia, o machismo e todas as formas de discriminación que atacan aos dereitos humanos e debilitan a democracia.
  • Espazos reais de participación decisoria das persoas en situación de pobreza, como único camiño lexítimo para desenvolver políticas xustas e eficaces.

Hoxe celebramos que, como sociedade civil organizada, somos parte dun movemento que transforma vidas. Que traballamos e queremos seguir traballando desde a cercanía, con visión de longo prazo, complementando o sistema público especialmente cando non chega ou chega tarde.

Que priorizamos ás persoas, respectamos os seus tempos e construímos solucións adaptadas a cada situación. Esta capacidade de tecer comunidade, de acompañar sen paternalismo, de fomentar a autonomía desde un enfoque de dereitos e de intervir con rigor profesional é a nosa maior fortaleza.

Queremos que esta declaración sexa tamén unha chamada aos que aínda dubidan do noso papel. Aos que reducen o noso traballo a un mero asistencialismo. Aos que alimentan prexuízos ou negan a achega inmensa de miles de profesionais e voluntarias que defenden día a día a dignidade de millóns de persoas. Sen vós, sen o Terceiro Sector, España sería un país menos xusto, menos igualitario e democrático.

Somos o Terceiro Sector de Acción Social. Cremos na cooperación fronte á fragmentación e o egoísmo. Na xustiza social fronte ao odio.

Animámovos a sumarvos a este manifesto e a compartilo con outras redes, organizacións e entidades.

ORGULLOSAS DE SER TERCEIRO SECTOR. ORGULLOSAS DE TECER REDE.

A Coruña, 28 de novembro de 2025

 

Manifesto “Orgullosas de ser Terceiro Sector. Orgullosas de tecer rede”

 

Aquí podes acceder o vídeo completo do Acto simbólico #OrgulloTerceiroSector

Consulta o informe de impacto completo sobre o Seminario Anual de EAPN

Informe de conclusións e impacto

 

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Rúa República do Salvador 3, 2ºD
Santiago de Compostela
15701 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies