Novas destacadas
As entidades do Terceiro Sector son unha peza fundamental na engranaxe do sistema de servizos sociais que precisa dun marco lexislativo e dunha financiación estable para poder sostelo. No marco do Seminario Anual de EAPN tivo lugar un acto simbólico para poñer en valor o labor do Terceiro Sector, á vez que se poñían de manifesto carencias a solventar. O pasado 26, 27 e 28 de novembro celebrouse o Seminario Anual de EAPN baixo o lema ‘Garantía de derechos y nuevos modelos de servicios sociales: el papel del Tercer Sector’. Esta edición tivo lugar en distintas localizacións da Coruña cunha acollida de máis dun centenar de representantes das entidades sociais e redes territoriais da EAPN. O último día estivo adicado ao rol do Terceiro Sector na sociedade e a necesaria complementariedade e coordinación cos servizos públicos sociais como garante dunha cobertura de calidade das necesidades de toda a poboación, especialmente a máis vulnerable. O Terceiro Sector é un motor de transformación social, “si no existiesen, estaríamos peores. Y van a ser más importantes en los próximos años” sinalaba Antón Costas, presidente do Consejo Económico Social na súa ponencia marco do Seminario. A pesares disto, non é anecdótico a sensación de falta de autoestima por parte das propias persoas traballadoras. Feito que se suma ao descoñecemento da cidadanía e a pouca valoración, alimentada en ocasións pola circulación de bulos e desinformacións. Neste sentido, da man do xornalista Íñigo Caínzos levouse a cabo o Acto simbólico #OrgulloTercer Sector onde o sector cobrou protagonismo. A partir de materiais audiovisuais rescatados da campaña #OrgulloTerceiro Sector que o Grupo de Comunicación de EAPN Galicia impulsou hai uns meses, puídose visualizar o escaso coñecemento da cidadanía, á vez que se lle daba resposta por parte de entidades de toda España con datos rigorosos do seu labor. Súmate a #OrgulloTercerSector Hai razóns máis que sufientes para sentirse orgullosas do Terceiro Sector. Somos unha peza clave no reforzo do estado de benestar, creamos comunidade, considerando as persoas que teñen máis dificultade de acceso a espazos normalizados e somos un motor xerador de riqueza e emprego a pesares de carecer de ánimo de lucro. Súmate e alza a voz gravándote un vídeo explicando as túas razóns de por que estás orgullosa de formar parte deste sector e súbeo coa etiqueta #OrgulloTercerSector. Dende EAPN Galicia facemos un chamamento para animarvos a gravar un vídeo respondendo a pregunta “Por que estás orgullosa/o de traballar ou participar no Tercer Sector?” e subilo ás vosas redes co cancelo #OrgulloTercerSector. Algunhas xa o fixeron. Manifesto Orgullosas de ser Terceiro Sector. Orgullosas de tecer rede. Ser Terceiro Sector leva implícito unha gran responsabilidade por iso tamén é preciso ser coñecedores das nosas limitacións, retos e oportunidades. Ser valientes e dar un paso en firme para que se nos considere, demandando unas melloras na financiación e nas condicións. Neste sentido, Raúl Jara, representante de EAPN Castela e León, Paula Tajuelo, representante de Fundación Esplai e Ana Álvarez, secretaria de EAPN Galicia leron o seguinte Manifesto: Hoxe, 28 de novembro de 2025 reunímonos na Coruña decenas de entidades do Terceiro Sector de toda España no marco do Seminario Anual ‘Garantía de Dereitos e Novos Modelos de Servizos Sociais’. Todas tecendo rede nas distintas EAPN autonómicas e na nosa rede estatal. Un dos obxectivos do seminario é promover o recoñecemento do Terceiro Sector e o seu papel imprescindible de parte e garante do sistema de servizos sociais. Por iso facer hoxe este acto simbólico baixo o lema ORGULLOSAS DE SER TERCEIRO SECTOR. ORGULLOSAS DE TECER REDE. Neste sentido, dende as redes EAPN Galicia e EAPN España manifestamos o seguinte: As organizacións que formamos parte do Terceiro Sector de Acción Social e as persoas profesionais e voluntarias que as impulsamos somos unha peza esencial e imprescindible non só do noso sistema de benestar senón do mesmo estado social e democrático de dereito. Millóns de persoas en situación ou risco de pobreza ou exclusión social ven garantidos cada día os seus dereitos grazas ao traballo que realizan as e os profesionais de milleiros de entidades sociais en todo o país. Somos garantes do sistema público de servizos sociais, de emprego, de acceso á vivenda, a saúde ou a educación. Non somos un engadido, senón un actor estrutural imprescindible para a cohesión social, o benestar e a democracia. Pero, sobre todo, somos o reflexo dunha cidadanía solidaria e comprometida cos dereitos humanos e a xustiza social. O noso labor pódese levar a cabo grazas aos millóns de persoas do noso país que achegan cos seus impostos e doazóns, co propósito de conseguir unha sociedade máis igualitaria e cohesionada, e que ademais fan esforzos aínda maiores en momentos de crise ou de emerxencias como os vistos recentemente na dana. Sen embargo, seguimos enfrentándonos a unha profunda paradoxa. Mentres acompañamos a millóns de persoas cada ano, persiste unha certa invisibilidade e un insuficiente recoñecemento, cando non prexuízos e bulos que cuestionan o noso traballo, a nosa lexitimidade e ata a nosa contribución económica. Temos demostrado con datos que o Terceiro Sector Social é motor de riqueza e emprego, que achega máis do 1,4 % do PIB en España, que emprega a máis de 600.000 persoas e que realiza decenas de millóns de intervencións anuais. Non só xeramos impacto social: garantimos un crecemento económico e un progreso colectivo que respecta e protexe ás persoas máis vulnerables. As entidades sociais somos innovación, investigación, intervención comunitaria e participación democrática. Creamos valor económico e social. Somos un exemplo de traballo en rede con enfoque de dereitos. Temos a lexitimidade que nos dá o noso compromiso coa rendición de contas e con auditorías internas e externas constantes. Comunicamos promovendo respecto e tolerancia, combatendo os discursos de odio, a desinformación e o ataque sistemático ás persoas máis vulnerables. Somos, con orgullo, defensoras da igualdade, a diversidade e dun modelo de convivencia basado nos dereitos humanos. Hoxe queremos afirmar, con orgullo e con forza: Somos imprescindibles, somos esenciais, somos rede. Asumimos e facemos noso o Manifesto da Plataforma […]
O XV informe “O Estado da Pobreza en Galicia 2025”, revela que no ano 2024 a pobreza e a exclusión social reduciuse 6,7 puntos, o que se traduce en case 180.000 persoas menos que no 2023. A taxa de pobreza infantil alcanza o seu mínimo na serie histórica cunha caída de 10,7 puntos. O 17,5 % dos nenos, nenas e adolescentes seguen estando en risco de pobreza. O Estado de Benestar evitou que 760.000 persoas entrasen na pobreza. De non existir ningunha transferencia pública a situación de pobreza chegaría ao 42,3%, un total de 1.144.000 persoas. Os fogares en situación de pobreza destinan máis do 33% dos seus ingresos á vivenda. A modificación da Lei de Inclusión Social, o apoio ás familias monoparentais e asegurar programas integrais de inclusión sociolaboral, retos no avance na redución da pobreza. O 17 de outubro, Día Internacional da Erradicación da Pobreza, EAPN Galicia – Rede Galega de Loita Contra a Pobreza e a Exclusión Social presentou o XV informe do Estado da Pobreza en Galicia 2025, no Parlamento de Galicia. O acto contou coas intervencións do presidente do Parlamento Miguel Ángel Santalices, a Valedora do Pobo, Mª Dolores Fernández e de EAPN Galicia representada pola súa presidenta, Ana Pardo, o director, Xosé Cuns e a responsable de investigación, Nerea Rivero. Este informe forma parte do “Estado de la Pobreza 2025. Pobreza y territorio: Comunidades Autónomas y Unión Europea.” da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN-España) que avalía o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, especialmente o ODS 1, que busca reducir á metade a pobreza en todas as súas formas. Estes últimos datos correspondentes ao 2024, con toda a prudencia, levan ao optimismo. Malia que a pobreza e a exclusión social sufriu unha caída de 6,7 puntos, case 509.000 persoas residentes en Galicia permanecen en risco de pobreza e exclusión social. En Galicia a taxa AROPE baixa, ao contrario que noutras Comunidades Autónomas como Madrid, Castela A-Mancha, Murcia ou Castela e León que suben. Este fenómeno débese en parte aos avances nas políticas sociais e medidas de protección que se poden levar a cabo grazas á implicación das distintas formacións políticas que integran o Parlamento, onde non hai cabida para o odio. Diminúe a fenda de xénero A fenda entre homes e mulleres estreitouse no ano 2024. Das 509.000 persoas en risco de pobreza e/ou exclusión social, 228.000 eran homes (77.000 menos que en 2023, 6 puntos) e 281.000 mulleres (103.000 menos que en 2023, 7,4 puntos). Estes datos aínda que positivos hai que tomalos con precaución. A pesares do incremento no emprego feminino e unha menor fenda salarial, segue persistindo unha maior precariedade laboral e pobreza nas mulleres. A taxa de pobreza infantil alcanza o seu mínimo na serie histórica O risco de pobreza e exclusión social infantil e xuvenil cae 10,7 puntos no ano 2024, revertendo os datos do último informe. Pasou de encabezar o valor máximo dentro dos grupos de idade cun 28, 2% no 2023 a representar o valor mínimo cun 17,5% no 2024. Outro cambio de tendencia observámolo na taxa AROPE nos fogares con ou sen menores. Mentres que no ano 2023, a porcentaxe de risco de pobreza dos fogares con nenos e nenas era dun 27,1%, no 2024 experimenta unha caída ata o 15,7%. Tanto é a baixada, que os fogares sen menores, aínda cunha redución do AROPE, teñen unha porcentaxe maior cun 21%. Este xiro de guion pode ser resultado das políticas de protección ás familias a nivel autonómico que se están a dar como a gratuidade das escolas infantís ou a tarxeta benvida. Estes datos non son tan positivos se analizamos por tipoloxía do fogar. O 31,2% das familias monoparentais galegas seguen a estar en risco de pobreza. O papel clave das administracións públicas As administracións de ámbito estatal, autonómico e local xogan un papel clave na redución de pobreza coas súas políticas sociais e medidas de protección. De non existir ningunha transferencia pública (Estado, Xunta ou concellos) en Galicia, en 2024 a situación de pobreza chegaría ao 42,3% (aumentando un 197,6%, 28,1 puntos). Actualmente a taxa de pobreza é do 14,2%, é dicir, 384.000 persoas. De non existir ningunha transferencia ese número ampliaríase a máis de 1.144.000 persoas en total, o que suporía 760.000 persoas máis en risco de pobreza que a cifra actual. O impacto das pensións de xubilación e supervivencia en Galicia é maior que a nivel nacional. Mentres que manter as pensións de xubilación e supervivencia reduce a pobreza en Galicia 22,5 puntos, a nivel nacional o fai en 16,6 puntos. Si se mantiveran as pensións de xubilación e supervivencia e non houbera outras transferencias e medidas contra a pobreza e a exclusión social das diferentes administracións, a taxa de pobreza alcanzaría o 19,8 % da poboación galega (5,6 puntos máis), é dicir, unhas 536.000 persoas en total (152.000 máis) o que confirma a importancia do sistema de protección máis alá das pensións. O aumento da renda media e a inclusión sociolaboral da poboación migrante, factores da redución da pobreza en Galicia A renda media por persoa en Galicia incrementouse ata os 14.558€, cun aumento de 1.411€ con respecto ao 2023 (reducindo a distancia coa media estatal que en 2024 se incrementou ata os 14.807€, cun aumento de 725€ con respecto ao ano anterior). A estes datos hai que engadirlle a subida do coste da vida, polo que se actualizamos segundo o IPC, o incremento dende o 2008 ata o 2024 en Galicia, sería de 1.374€ e o seu valor real sería 10.856€. A outra variable que favorece a diminución da pobreza en Galicia, atopámola na poboación migrante. Galicia experimentou nos últimos anos un aumento de persoas que migraron e se quedaron na nosa comunidade. Feito que contribuíu a aumentar a taxa de emprego. No 2024, a poboación estranxeira ten unha taxa de emprego máis elevada que a poboación nacional representando o 53,3% de persoas migrantes con emprego fronte ao 48% das nacionais. […]
EAPN Galicia e a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade organizaron un seminario web para informar a entidades do Terceiro Sector e administracións públicas dos servizos que ofrecen os centros Quérote+. Os centros Quérote+ son recursos de información, asesoramento e formación dirixidos á mocidade galega en temáticas como sexualidade, LGTBI+, benestar emocional, promoción da igualdade e o bo trato, prevención da violencia de xénero, etc. Os centros Quérote+ son un servizo da Xunta de Galicia, de atención á xuventude, as súas familias e a profesionais que traballan no eido xuvenil, nas temáticas referidas á: sexualidade, LGTBI+, benestar emocional, promoción da igualdade, botrato e prevención da violencia de xénero, prevención de ITS e embarazos non planificados e realización de probas VIH e VHC. Para saber máis sobre eles, EAPN Galicia xunto coa Dirección Xeral de Promoción da Igualdade organizou o mércores 29 de outubro ás 9:30 horas o seminario web “Centros Quérote+. Información e asesoramento para a mocidade”. Este seminario, que tivo lugar en modalidade en liña, estivo dirixido a entidades do Terceiro Sector de Acción Social de Galicia e a administracións públicas. A apertura do Seminario estivo a cargo María Quintiana, a Directora Xeral de Promoción da Igualdade da Consellería de Política Social e Igualdade e, a continuación, Isabel Presas, coordinadora dos centros Quérote + e educadora social, foi a encargada de impartir o Seminario. O obxectivo desta xornada era proporcionar información do funcionamento e dos servizos que ofrecen os centros Querote +, ademais de abrir unha canle de comunicación entre profesionais da administración pública e das entidades sociais. Os centros Quérote+ dan resposta a unha demanda social O equipo de traballo de Quérote+ -profesionais en traballo social, educación social e psicoloxía- atende consultas referentes a dificultades, preocupacións ou curiosidades que a mocidade ten en relación coa sexualidade e a afectividade, a imaxe corporal e a autoestima, a convivencia e as relacións sociais no espazo físico e no virtual ou en relación ao consumo de certas substancias. Este servizo persegue contribuír ao desenvolvemento integral de mozos e mozas, atendendo as súas necesidades, intervindo nos procesos de xeito preventivo. Asemade pretende axudar a que mulleres e homes aprendan a coñecerse, a aceptarse e a expresarse dun xeito satisfactorio e congruente. Outro dos obxectivos principais é facilitar ferramentas e habilidades á mocidade para poder construírse de xeito satisfactorio, así como estratexias que contribúan a adquirir autonomía e liberdade. O traballo destes centros baséase en tres piares: 1) Proporcionar información e asesoramento por diferentes canles: presencial nos centros de toda Galicia (A Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo), telefónica, online, mensaxería instantánea a través do 647 018 75 e videochamada (contactar co centro para solicitar cita previa). Todas as persoas que o precisen poden acudir a estes centros. As consultas son personalizadas e individualizadas, creando un acompañamento emocional nun espazo seguro e amable onde acompañar a nivel profesional ás persoas, proporcionándolle información e recursos para que sexan as persoas ás que tomen as decisións. 2) Oferta formativa. A Xunta de Galicia a través dos centros Quérote+ pon a disposición dos centros educativos, concellos, entidades e asociacións a oferta formativa de obradoiros dirixidos á mocidade e ás familias. 3) Participación. Mediante mesas informativas, campañas de sensibilización, xornadas, divulgación en redes sociais, elaboración de materiais didácticos, revisión e colaboración en protocolos e estratexias no eixo da igualdade. Unha ollada ao impacto dos centros Quérote + Isabel Presas tamén destacou o alcance que ten este servizo. No 2024 resultaron beneficiarias dos sevizos dos centros Quérote +, 22.428 persoas, das cales 5.186 foron por consultas atendidas para proporcionar información e asesoramento, 544 víronse beneficiadas mediante accións formativas e 5.301 na área de participación.
O Terceiro Sector é un axente clave na transformación social e na defensa polos dereitos e igualdade das persoas máis vulnerables. As entidades sociais —asociacións e fundacións— aínda carecendo de ánimo de lucro, constitúen un sector industrial máis, creando valor económico e social. EAPN Galicia vén de lanzar a campaña #OrgulloTerceiroSector para reivindicar o labor das entidades sociais como un dos axentes fundamentais na transformación social e na prestación de servizos sociais, acceso ao emprego ou a vivenda. Ao escaso coñecemento súmase a existencia de prexuízos cara o traballo das entidades que conforman o Terceiro Sector. A isto engádese o feito de non consideralo como un axente económico esencial que crea emprego e riqueza. Resultado desta idea son as discriminacións nalgunhas convocatorias, nas que non se ten en conta as características das entidades sociais e os perfís cos que se traballa. O Terceiro Sector: xerador de emprego e riqueza As entidades que forman parte do Terceiro Sector de Acción Social son un axente máis do sistema de servizos sociais, de emprego, acceso a vivenda, sanidade, etc. Caracterízanse por unha atención individualizada e integral, poñendo o foco na persoa, respectando tempos de intervención e as súas casuísticas. O sistema de traballo nos servizos sociais, pola súa idiosincrasia, non posibilita esta atención centrada na persoa, como si o fan as entidades do Terceiro Sector. O “Barómetro del Tercer Sector de Acción Social, en España 2024” publicado pola Plataforma de ONG de Acción Social revelou que o Terceiro Sector move o 1,44% do PIB en España, traducidos en máis de 19 mil millóns de euros que ingresa anualmente este sector. Segundo este estudo, realizáronse 47 millóns de intervencións no ano 2023. Ademais de desempeñar un papel esencial na defensa dos dereitos sociais das persoas máis vulnerables da poboación, contribúe na xeración de emprego: neste último ano máis de 600.000 persoas estiveron empregadas e 1,4 millóns traballaron de forma voluntaria . Presentación no Almorzo On/off da man do Colexio de Xornalistas de Galicia O pasado 1 de outubro presentouse a campaña #OrgulloTerceiroSector aos medios nun Almorzo On/off, formato que vén organizando o Colexio de Xornalistas dende hai 20 anos co fin de favorecer o diálogo a análise da actualidade con protagonistas de diversos sectores. O Almorzo On/off tivo lugar unha semana antes do Día Nacional do Terceiro Sector, na sede do Colexio de Xornalistas de Galicia. O acto estivo presentado por Manuel Rey, membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e contou coa presenza de Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia, Xosé Cuns, director da Rede e Clara de Vega, responsable de comunicación. Nas súas intervencións incidiron na necesidade de achegar á cidadanía o labor das entidades sociais e o Terceiro Sector, “onde se coñece pouco máis que o termo ONG para definirnos” explicaba Ana Pardo. Achegar o Terceiro Sector á cidadanía O Terceiro Sector é un dos grandes descoñecidos na sociedade en xeral. Mostra disto, atopámolo nos vídeos que lanzamos polas redes sociais. Pequenas pezas audiovisuais que evidencian o escaso coñecemento da cidadanía a través de entrevistas a persoas escollidas aleatoriamente pola rúa. As respostas da cidadanía son un claro exemplo da visión paternalista e voluntaria das ONGs que segue a estar moi estendida na nosa sociedade. Que é o Terceiro Sector? Que servizos ofrece? Que diferenzas hai coa empresa privada? E coa administración? Cres que é fundamental na sociedade? Por que? En tres palabras, como definirías a unha persoa que traballa no Terceiro Sector? Con esta campaña preténdese derribar estes mitos, mostrando o traballo fundamental das entidades sociais. Da man das persoas traballadoras e participantes, proporcionarase información veraz e rigorosa do seu labor social. Aquí tendes as respostas das entidades sociais. O Terceiro Sector dende dentro: Que é o Terceiro Sector? Que servizos ofrece? Por que é fundamental na sociedade? A nosa Rede técena entidades como Accem, Acción contra a Fame, Asemblea de Cooperación pola Paz, AGARESO (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social), Arela, Asociación de Empresas de Inserción de Galicia – AEIGA, Asociación de Migrantes de Galicia – AMIGA, Asociación para a prevención e a educación social – APES, Axuda en Acción, Federación Autismo Galicia, Boa Vida Inclusión Activa, Cáritas Lugo, Cáritas Mondoñedo-Ferrol, Cáritas Ourense, Cáritas Tui-Vigo, CDR O Viso, CDR Portas Abertas, COGAMI, Dano Cerebral Galicia, Down Galicia, Fundación ECCA Social, Ecos do Sur, Emaús Galicia, Fundación Amaranta, Fundación Érguete Integración, Fundación Esplai, Federación Alzheimer Galicia – FAGAL, Hogar Sí, Fundación JuanSoñador, Fundación Meniños ,Fundación Ronsel, Fundación Secretariado Gitano, Igaxes, Médicos do Mundo, Movemento pola Paz, o Desarme e a Libertade (MPDL), ONG Mestura, Poten100mos, Provivienda e Saúde Mental FEAFES. Malia traballar con distintos grupos poboacionais en situación de vulnerabilidade, todas elas teñen presente a causa común: a defensa pola igualdade, os dereitos e a xustiza social. Sempre dende un enfoque centrado na persoa como protagonista e dona da súa propia evolución persoal. A campaña nas nosas redes: Instagram: @pobreza_galicia Facebook: EAPN Galicia Linkedin: EAPN Galicia. Rede Europea contra Pobreza e Exclusión Social X: @EAPNGalicia Bluesky: @eapngal.bsky.social
O Seminario web: Medidas urxentes de apoio ás familias monoparentais pon de manifesto a escaseza de accións para protexer ás familias monoparentais. Case 4 anos de incumprimento da Lei de Impulso Demográfico agrava a situación destas familias. A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) e EAPN Galicia organizaron o 18 de setembro un seminario web adicado á realidade das familias monoparentais e ás demandas de impulsar urxentemente medidas de protección. Case catro anos de incumprimento da Lei 5/2021 de Impulso Demográfico en Galicia fai que 35.725 familias monoparentais galegas con nenos, nenas e adolescentes a cargo se atopen en risco de pobreza. No marco estatal, a situación é semellante, cun incerto horizonte na aprobación da Lei de Familia. Esta parálise do Goberno central, non impide o avance en medidas e políticas a nivel autonómico. Exemplo témolo noutras comunidades autónomas como Asturias, Murcia o A Rioxa cunha lexislación específica, ou Aragón, Cantabria, Cataluña, Valencia con un rexistro específico. Ante esta situación, EAPN Galicia e a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia presenta o informe «Propostas de medidas urxentes de apoio ás familias monoparentais». Documento no que se achega o contexto social e o marco lexislativo galego e estatal, así como 7 demandas principais: Creación do Rexistro de familias monoparentais. Facultar aos servizos sociais comunitarios e recursos públicos de atención (CIM) para elaborar informes vinculantes. Equiparar beneficios de familias monoparentais aos de familias numerosas. Incidindo no feito de nunca ser competidoras. Aprobación de medidas de apoio ás familias monoparentais. Poñendo o foco no aumento da feminización da pobreza, (máis do 80% das familias monoparentais está encabezada por mulleres). Aumento de medidas de protección específica na RISGA e no IMV. Apoio nos estudos de diagnóstico da realidade das familias monoparentais. Interlocución estable entre administración e entidades do Terceiro Sector. Seminario web: Medidas urxentes de apoio ás familias monoparentais O seminario web contou coa presenza de Carmen Flores, presidenta da Federación de Asociacións de Nais Solteras (FAMS) e Inma Alonso da Asociación de Familias Monoparentais de Galicia (FAGAMOS) que contextualizaron a realidade das familias monoparentais no marco estatal e autonómico respectivamente. Presentaron datos preocupantes, coma que en España, a taxa de risco de pobreza e/ou exclusión social (AROPE) das persoas en fogares cun adulto e un neno, nena e adolescente foi do 50,3%, case duplicando o do total da poboación: 25,8%. A nivel galego, Inma Alonso advertiu que o 66,3% dos fogares monoparentais aseguran chegar con dificultade ou moita dificultade a final de mes, o dato máis alto de todos os tipos de fogar segundo os últimos datos do IGE. O enfoque da infancia deuno Mónica Viqueira, presidenta da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia no inicio da xornada, encargada da apertura xunto con Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia. Cara o final houbo un espazo participativo onde se mostraron iniciativas postas en marcha e propostas para avanzar cara a protección destas familias monoparentais. Entidades e profesionais do sector social, así como nais monomarentais tiveron a oportunidade de aportar ideas e preguntar dúbidas ás ponentes. Na clausura do seminario, Cristina Blanco, subdirectora xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia da Xunta de Galicia fixo unha intervención agradecendo estas iniciativas e lamentando a situación actual destas familias. Avanzou que se está a traballar na elaboración do certificado de familia monoparental para a creación do prometido Rexistro, e neste sentido, adiantou que tamén se poderá dispoñer en formato dixital, adaptado aos tempos actuais. Aquí podes ver o seminario web completo: https://youtu.be/APjk1o7KnsA
Galicia é a segunda autonomía que máis crece, marcando a Casilla no imposto de sociedades o 20,2% das empresas, fronte ao 2% da campaña anterior A nivel nacional máis de 300.000 empresas logran unha recadación histórica de 83,68 millones de euros co seu xesto. O prazo para a presentación do imposto de sociedades está aberto ata o 25 de xullo, unha oportunidade para destinar o 0,7% da tributación a financiar proxectos sociais sen ningún custo. O pasado 1 de xullo deu comezo o período para declarar o imposto de sociedades nas empresas. Ata o 25 de xullo, calquera empresa pode marcar a Casilla Empresa Solidaria. Con este simple xesto, o 0,7 % da tributación destinarase a financiar proxectos sociais. É unha acción voluntaria libre e a custo cero coa que se apoia a iniciativas de entidades do Terceiro Sector que promoven a inclusión, a igualdade e o benestar social de todas as persoas, en especial as que se atopan nunha situación de maior vulnerabilidade. A Casilla atópase no punto ‘outros caracteres – fins sociais’ do dito imposto. Concretamente, está actualmente dispoñible en dous modelos do imposto de sociedades: a casilla 0073 do 200 e a casilla 069 do 220. Resultados da campaña do 2024 Na campaña do 2024, en Galicia un total de 19.142 empresas marcárona dando como resultado unha recadación de 3.056.478 euros, o dobre que a campaña anterior. Este repunte convirte a Galicia na segunda comunidade autónoma onde máis crece a implicación das empresas na iniciativa. Isto tradúcese en que o 20,2% do total de empresas galegas marcaron a Casilla de Empresa Solidaria na súa tributación do imposto de sociedades, cifra que contrasta notablemente co 2% da campaña anterior. A nivel estatal os datos tamén experimentaron un aumento moi notorio. Na pasada campaña, 306.051 empresas marcaron a Casilla ‘outros caracteres – fins sociais’ dando como resultado unha recadación de 83.677.927 euros. Estes datos supuxeron un incremento exponencial en relación aos anos anteriores. Máis de 200.000 empresas novas sumáronse a esta iniciativa no 2024, significando un incremento do 600% (no exercicio de 2023 foron 43.090). Nesta campaña, se todas as empresas marcaran a Casilla Empresa Solidaria na declaración deste tributo o máximo importe que se podería obter sería de máis de 273 millóns. Coa recadación das campañas casilla Empresa Solidaria e X Solidaria de 2023, en 2024 puidéronse financiar 1.078 proxectos a nivel estatal, desenvolvidos por 295 entidades sociais. A nivel autonómico, segundo datos da Plataforma do Terceiro Sector, outros 9.456 proxectos foron levados a cabo por 3.037 entidades en 2023. Así mesmo, a aquelas empresas que marquen a Casilla Empresa Solidaria do imposto de sociedades, a Plataforma do Terceiro Sector outorgaralles o Selo Empresa Solidaria que acredita a aquelas empresas que buscan xerar un impacto positivo na sociedade.
EAPN Galicia e a Valedora do Pobo abordan temas que atinxen ás persoas en situación de vulnerabilidade a prol da defensa dos seus dereitos A Valedora do Pobo transmite a preocupación compartida polo latente e estendido discurso do odio na súa visita á sede de EAPN Galicia O pasado 8 de xullo a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño e o secretario xeral Fernando de Andrés Alonso visitaron a sede de EAPN Galicia para compartir e concretar liñas de actuación para o que queda de ano. Foron recibidos polo vicepresidente e director de EAPN Galicia, Javier Hermida e Xosé Cuns e a responsable de programas e comunicación, Clara de Vega. No resumo de actividades que se lle trasladou á Valedora, abordáronse varios temas de especial relevancia. O inminente medre do uso da Intelixencia Artificial como ferramenta útil de apoio ao traballo, pero tamén un arma de dobre fío. Como o seu uso en empresas, sustituíndo a persoal pode derivar nunha ameaza contras as propias persoas, en detrimento da empatía e as emocións humanas. Tamén expúxose a dificultade ante o sesgo da Intelenxia Artificial, cuestionando a transparencia dos algoritmos, e como repercute na veracidade dos datos. Un campo aínda sen explorar que ambas institucións viron a necesidade de tratala a fondo nun futuro. A estreita relación entre pobreza e discursos de odio Existen distintos factores que expliquen os datos positivos da redución da pobreza en Galicia. Ademais das medidas de política social que se tomaron tanto no Estado coma a nivel autonómico, hai un factor clave: a inexistencia de forzas políticas que alenten o discurso do odio nin no Parlamento nin en ningún concello de Galicia. Por este motivo, pódense facer políticas e actuacións que avoguen por unha igualdade de oportunidades, por exemplo con programas específicos para persoas migrantes que favorecen unha inserción laboral, e polo tanto un incremento no PIB. A Valedora do Pobo neste aspecto congratúlase da situación política galega e chama a non esquecer Declaración Institucional do Parlamento de Galicia no 2020 e que EAPN Galicia reforza co seu recente lanzamento da Declaración Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso de odio e a aporofobia”. Animando a entidades do Terceiro Sector a asinala e sumar forzas para reverter unha situación de odio, que aínda que non teña representación política, está permeando en varios sectores da sociedade. Neste sentido, tamén se incidiu na discriminación materializada na excesiva burocracia, na falta de equidade no acceso á información ou na fenda dixital. Realidades moi acusadas dentro das numerosas demandas que se reciben a cotío, e que tamén se viron reflectidas nas aportacións e propostas do XVI Encontro Galego de Participación. Demandas compartidas como a principal do Encontro, a necesidade de formación por parte do persoal traballador cara ao público para evitar tratos discriminatorios, ou nalgúns casos ofensivos, cara as persoas, en especial ás que están en situación de vulnerabilidade. Familias monoparentais, acceso a vivenda, melloras na dependencia e dificultades para o emprego das persoas vulnerables: temas que poñer enriba da mesa Ao longo de dúas horas de xuntanza, moitos foron os temas que se trataron e se coincidiu na urxencia dunha actuación inmediata. A demora de máis de tres anos de incumprimento da Lei de Impulso Demográfico, coa obriga dun Plan de medidas de protección para as familias monoparentais, máis un Rexistro específico -neste punto avanzouse recentemente cun modelo de solicitude específico para o certificado de familia monoparental para a posterior elaboración de Rexistro- son temas que preocupan nas que EAPN está traballando e se lles trasladou á Valedora. Outro tema moi marcado actualmente, son as consecuencias derivadas da concorrencia non competitiva á hora de solicitar axudas como algunhas vinculasdas coa vivenda por exemplo. Isto é, poder solicitala por orde de chegada, feito que obstaculiza ás persoas máis vulnerables, que teñen un menor acceso á información e dispoñibilidade telemática. Por outro lado, púxose en valor a desconxestión de máis 8.000 expedientes de dependencia e discapacidade que permanecían estancados. Coa nova Lei de Dependencia, unindo as dúas solicitudes -dependencia e discapacidade- adiantouse e axilizouse moitos casos que levaban anos bloqueados. Pola parte de EAPN, trasladouse a preocupación de que esta medida taxante, que tanto urxía, deixa fóra trámites que para moitas entidades eran prioritarios como o informe social, que nesta nova lei non se contempla. Esta circunstancia pode resolver expedientes erróneamente, ao non ter en conta a situación persoal e social da persoa solicitante. Por último, mostrouse a preocupación en relación ao emprego e as persoas en situación de vulnerabilidade. Como a convocatoria para os Programas Integrados de Emprego dificulta notablemente polos seus requisitos á presentación de entidades do Terceiro Sector. A pesares do éxito do Programa ao que deu forma o “Manual de boas prácticas en para a inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas” cunha taxa de inserción do 46%. Obxetivizando que cun programa individualizado, atendendo as características da persoa e aos seus tempos, e da man de entidades do Terceiro Sector, unha inserción sociolaboral en persoas en risco de exclusión social é posible.
- Grazas por sumarvos á Declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia”
O 18 de xuño, Día Internacional para Contrarrestar o Discurso de Odio, as entidades que integramos EAPN Galicia aprobamos por unanimidade na nosa Asamblea Xeral a declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia”. Nun escenario internacional cada vez máis polarizado, onde a desinformación e os prexuízos xeradores de discursos de odio están o orde do día, a desigualdade social e a pobreza segue a aumentar. Non é casualidade que as persoas máis vulnerables sexan as dianas desta corrente de odio que transcorre de maneira reiterada. A normalización do discurso do odio e aporofobia que estamos percibindo as entidades do Terceiro Sector, alentan a nosa activación para unir forzas, tecer rede e seguir a defender os dereitos das persoas, ante a amenaza de seren vulnerados. Malia que en Galicia non se deu cabida a formacións políticas que promovan discursos de odio nin no noso Parlamento nin nos nosos concellos ou deputacións, estamos a ver cada vez máis situacións discriminatorias, por mor da proliferación destes discursos que están a calar en parte da sociedade. Esta declaración é unha chamada á responsabilidade colectiva para garantir os dereitos fundamentais de todas as persoas, especialmente das que se atopan en situación de maior vulnerabilidade. Convidamos a todas as organizacións da sociedade civil galega, en especial ás do Terceiro Sector e do resto de familias da economía social e solidaria a asumir esta declaración e a sumar esforzos para construír unha sociedade máis xusta, inclusiva e libre de odio. As entidades abaixo asinantes reiteramos o establecido na Declaración Institucional do Parlamento de Galicia, aprobada por unanimidade nesa cámara o 20 de outubro do 2020: As persoas non son culpables da súa pobreza. Ninguén é culpable do seu sufrimento. Ningunha persoa é inútil. As persoas que sofren e denuncian esas e outras moitas mentiras ou as que afirman que “o máis perigoso dos prexuízos é cando ti mesmo os cres” non están soas. Os poderes públicos teñen a responsabilidade de garantir as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e favorecer o respecto, a tolerancia e a participación activa de todas as persoas. As organizacións do Terceiro Sector de Acción Social compartimos este deber, á vez que reclamamos que a asuman as forzas políticas e institucións públicas sen ningún tipo de vacilación ou dúbida. Comprometémonos a difundir e poñer o foco nas experiencias positivas e nos exemplos maioritarios de convivencia normalizada, loitando contra a desinformación e evitando a instrumentalización ou as visións terxiversadas das persoas que viven en situación de exclusión social. Tal e como se establece no Código de conduta na comunicación da pobreza e a exclusión social , respectaremos en todo momento a súa dignidade e dereito á intimidade e á propia imaxe, evitando visións sesgadas, parciais, morbosas, sensacionalistas ou que apelen á culpa ou a unha falsa incapacidade para decidir por si mesmas. Grazas por contar ou publicar fotos ou vídeos nas vosas redes sociais mostrando o apoio á Declaración e con mensaxes que fomenten o respecto e a tolerancia co cancelo: #ContrAporofobia 128 organizacións e plataformas asumimos a Declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia” EAPN Galicia. Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) Coordinadora Galega de ONGD Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia (REAS) Asociación de Actores e Actrices de Galicia Unión Profesional de Galicia Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña Colexio Oficial da Enxeñaría Técnica Forestal en Galicia Ilustre Colexio Notarial de Galicia Observatorio Eólico de Galicia Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia Universidade de Santiago de Compostela Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña Colexio Oficial de Farmacéuticos Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia Accem Acción contra a Fame Asemblea de Cooperación pola Paz AGARESO (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) Arela Asociación de Empresas de Inserción de Galicia – AEIGA Asociación de Migrantes de Galicia – AMIGA Asociación para a prevención e a educación social – APES Axuda en Acción Federación Autismo Galicia Boa Vida Inclusión Activa Cáritas Lugo Cáritas Mondoñedo-Ferrol Cáritas Ourense Cáritas Tui-Vigo CDR O Viso CDR Portas Abertas COGAMI Dano Cerebral Galicia Down Galicia Fundación ECCA Social Ecos do Sur Emaús Galicia Fundación Amaranta Fundación Érguete Integración Fundación Esplai Federación Alzheimer Galicia – FAGAL Hogar Sí Fundación JuanSoñador Fundación Meniños Fundación Ronsel Fundación Secretariado Gitano Igaxes Médicos do Mundo Movemento pola Paz, o Desarme e a Libertade (MPDL) ONG Mestura Poten100mos Provivienda Saúde Mental FEAFES Galicia Fiare Banca Ética COPEGAL, Asociación Pedagoxía e Psicopedagoxía Galicia ALCER Coruña ARTE GUIGLO Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS) MANAIA, asociación galega de adopción e acollemento Fillas do Divino Celo-Rogacionistas Solidariedade Internacional de Galicia Comunidade cristiá do home novo Federación Red Acoge Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais Asociación Lenda de Saúde Mental Asociación Por Qué No Ayudar (Por Qué No) Asociación Xarela APAMP Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral UGADE – Unión Galega de Epilepsia ADEGA – Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza Enxeñería Sen Fronteiras Galicia Asociación Dar Máis Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de A Coruña Federación Provincial de Asociacións de Discapacitados Físicos de Ourense Down Coruña ADEGAL – Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia As Ninguéns Federación ASPACE Galicia Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela Asociación socioeducativa Antonio Gandoy ONG AIRE ( Asociación Integral de Rescate en Emerxencias) Cociña Económica da Coruña Viraventos Aventeira S. Coop. Galega Aliad Ultreia Asociación Saúde Mental A Creba Asociación Dano Cerebral A Coruña Dano Cerebral Lugo Dano Cerebral Adquirido Ourense Asociación Párkinson Galicia-Coruña ALUCEM – Asociación Lucense de Esclerose Múltiple Federación COGAMI Coruña Asociación Ambar Asociación INTEGRO das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte Asociación Lenda Saúde Mental Asociación galega de linfedema, lipedema, insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL) […]










