Formación para acabar cos tratos discriminatorios e os estereotipos, clamor das persoas en risco de exclusión no XVI Encontro Galego de Participación

0 209
Comparte!
Máis de 80 persoas berraron “Que non nos limite ninguén!” no XVI Encontro Galego de Participación celebrado o pasado 11 de xuño en Santiago de Compostela, baixo o lema Estereotipos, que non te limiten.
Unha xornada na que se abordaron as barreiras e dificultades de acceso a servizos básicos, así como un trato discriminatorio por parte de profesionais que traballan en administracións públicas, entidades sociais ou empresas, que atopan as persoas en risco de exclusión social por mor dos estereotipos e prexuízos infundados.
Na clausura, trala lectura do manifesto coas propostas resultantes dos traballos en grupos, procedeuse a facer un minuto de silencio administrativo, en protesta das continuas trabas burocráticas que padecen as persoas en situación de vulnerabilidade.

 

Un ano máis celebrouse o Encontro Galego de Participación, na Escola Galega de Administración Pública, o evento de referencia en Galicia de participación de persoas en risco ou situación de pobreza e exclusión social. Nesta décimo sexta edición, baixo o lema Estereotipos, que non te limiten, reflexionouse sobre o alcance que teñen os estereotipos e prexuízos, xeradores de discursos de odio, ata o punto de verse restrinxido ou limitado o acceso a servizos esenciais para as persoas máis vulnerables. Saíron á luz escenas cotiás onde o trato discriminatorio era a pedra angular.

Nun contexto dun espazo seguro e construtivo, as persoas participantes tiveron a oportunidade de expresarse libremente e expor tanto situacións como propostas de mellora para combater estes estereotipos e prexuízos tan estendidos na nosa sociedade. Baixo a súa mirada, as aportacións e demandas cobran máis sentido e teñen un valor engadido ao provir das persoas directamente afectadas.

Este ano contouse coa participación e colaboración de entidades como Accem, AGARESO, Fundación de Solidaridad Amaranta, Asociación de Migrantes de Galicia- Amiga, Boa Vida Inclusión Activa, Cáritas Mondoñedo- Ferrol, COGAMI, Dano Cerebral Galicia, Down Coruña, Ecos do Sur, Emaús, Fundación Esplai, Fundación JuanSoñador, Fundación Secretariado Gitano, Fundación Ronsel, Hogar Sí, Movemento pola Paz e Asociación Provivienda. O persoal técnico e participantes destas entidades foron os protagonistas e responsables do bo ambiente, que fixo que a xornada fluíra con naturalidade e significara unha experiencia enriquecedora para todas as persoas asistentes.

 

Panel de boas prácticas nas entidades

Panel de boas prácticas en entidades

O punto esperanzador e inspirador do Encontro correu a conta de participantes de programas de entidades que loitan para derribar estes prexuízos. O Panel de boas prácticas en entidades estivo composto por Mahyreth Bravo co proxecto Somos Acubillo de AGARESO e Provivienda, Marta Núñez co Programa de sensibilización de COGAMI e Rosebys Ostos e Begoña González contando os Encontros Improbables, dentro do Programa Participa de Emaús e Provivienda. A mesa estivo moderada por Natalia Monje de Ecos do Sur.

Nesta mesa de boas prácticas, presentáronse proxectos e programas que avogan por unha integración real das persoas vulnerables, cunha participación activa con labores xornalísticas, como é o caso do videopodcast de Somos Acubillo, de sensibilización co fin de eliminar mitos sobre as persoas con discapacidade, ou actividades comunitarias que mesturan a veciñanza coas persoas en risco de exclusión social como o caso dos Encontros Improbables de Emaús e Provivienda.

 

Traballo en grupos

Trala mesa motivadora, pasouse ao traballo en grupos no que as persoas participantes reflexionaron e debatiron ao redor de tres preguntas clave:

  • Que son os estereotipos?
  • Como che prexudican persoalmente no acceso a servizos básicos ?
  • Que che axudaría para que os estereotipos non condicionasen o acceso ou o trato recibido por parte do persoal que traballa nestes servizos esenciais?

Traballo en grupos pequenos para debater propostas

Das propostas recollidas nos grupos de traballo puidéronse extraer conclusións como a necesidade de sensibilización e formación continua ás profesionais que traballan de cara ao público na administración e entidades sociais; a intervención do Estado como solución, tanto en políticas activas como en políticas de control en todos os sectores, tendo en conta ao terceiro sector como interlocutor, facilitando os medios necesarios para a realización das súas funcións; apoio e fomento de programas por parte dos concellos e entidades gobernamentais para a implicación e inclusión das persoas de colectivos vulnerables nos espazos públicos; a consideración de que as prestacións ou recursos para persoas en situación de vulnerabilidade deben responder a unha atención personalizada, integral e cun enfoque centrado na persoa; promover a medición rápida da satisfacción tras recibir atención desde os servizos públicos (traballadores/as sociais, persoal sanitario, persoal de rexistro…) en relación coa calidade da atención, cun posible traslado do sistema de medición a través de chamada telefónica; redución da burocracia e dos trámites na administración pública, mediante unha maior coordinación e colaboración entre os concellos, administracións e entidades sociais; campañas de sensibilización nas redes contra os discursos de odio mediante vídeos e mensaxes, contando coa participación das persoas en situación de vulnerabilidade, entidades sociais e con personaxes famosos ou influencers; e por útimo, sancións a profesionais que exerzan condutas ou tratos discriminatorios na administración pública, entidades sociais e/ou empresas.

 

Demandas para loitar contra a discriminación

A xornada da tarde comezou coa votación, por parte das persoas participantes, das propostas dos grupos de traballo que mellor respondían á terceira das preguntas que se formularon. Das 8 resultantes anteriormente mencionadas, tralas votacións reducíronse a 4, que se engadiron a un manifesto que se leu na Praza da Exeria ao remate da xornada. Estas demandas, ademais de manifestalas publicamente a viva voz, xunto co documento final con todas as aportacións, tanto do Encontro como as dos obradoiros previos que se traballaron con máis participantes nas entidades, tamén serán trasladadas a grupos parlamentarios, consellerías, Valedora do Pobo…

As demandas máis votadas foron as seguintes:

Lectura do manifesto na Praza Exeria

  • Sensibilización e formación continua ás profesionais que traballan de cara ao público na administración e entidades sociais.
  • Sancións a profesionais que exerzan condutas ou tratos discriminatorios na administración pública, entidades sociais e/ou empresas.
  • Intervención do Estado tanto en políticas activas como políticas de control en todos os sectores, tendo en conta ao Terceiro Sector de Acción Social como interlocutor, facilitando os medios necesarios para a realización das súas funcións.
  • Redución da burocracia e dos trámites na administración pública, mediante unha maior coordinación e colaboración entre concellos, administracións e entidades sociais.

 

Minuto de silencio administrativo

Este ano, por primeira vez, nun Encontro Galego de Participación, procedeuse a facer un minuto de silencio administrativo. Seguindo a estela do Encontro Estatal de Participación de EAPN España, replicouse o acto reivindicativo trala lectura do manifesto, en sinal de protesta ante as trabas burocráticas e administrativas que a cotío afectan as persoas máis vulnerables.

“A violencia administrativa —termo acuñado polas propias persoas afectadas— é lamentablemente un feito que ten que desaparecer. A excesiva burocracia, a fenda dixital ou a falta de equidade no acceso á información, son factores que contribúen a aumentar a desigualdade social. Por iso este ano, e como xa se fixo no Encontro Estatal de Participación quérovos pedir un minuto de silencio, un minuto de silencio administrativo, en protesta polas continuas trabas administrativas e burocráticas que sofren as persoas en pobreza e exclusión”. Palabras pronunciadas por Tsion Piñeiro, técnica de Dano Cerebral Galicia antes do minuto de silencio.

 

“Que non nos limite ninguén!”, un berro para combater os estereotipos

Como novidade este ano, elaborouse unha peza audiovisual onde se reflicten as actividades e programas que levan a cabo diariamente entidades do Terceiro Sector de Acción Social. A finalidade é desmontar con imaxes os estereotipos e prexuízos infundados que se teñen de determinados grupos de poboación, diana dos discursos de odio que inundan as nosas pantallas. Tecendo redes, a maneira de combater o odio. Grazas a colaboración de entidades como Accem, AMIGA, Movemento pola Paz, COGAMI, Down Galicia, Hogar Sí, Fundación Esplai, Fundación Secretariado Gitano, Provivienda e Emaús, e dos seus participantes que se deixaron gravar e así dar a coñecer á cidadanía a súa realidade, saíu esta peza audiovisual.

 

 

Material e documentación relacionada
Búscate no álbum de fotos do XVI Encontro de Participación

 

Cartel XVI Encontro Galego de Participación

 

Tríptico informativo

 

Manifesto XVI Encontro Galego de Participación

 

Propostas XVI Encontro Galego de Participación

 

 

 

 

 

 

 

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Rúa República do Salvador 3, 2ºD
Santiago de Compostela
15701 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies