Presentamos unha das novas entidades membro de EAPN Galicia. Ayuda en Acción é unha ONG internacional que traballa con infancia e mocidade, acompañando e xerando oportunidades de desenvolvemento.
Un dos seus obxectivos é facilitar o acceso á educación e transición cara o emprego e o emprendemento. Poñendo o foco na propia persoa como xeradora de cambio, favorece un desenvolvemento sostible e prolongado nas súas comunidades.

A mocidade e a infancia son o eixo de traballo da Fundación Axuda en Acción en Galicia, e o fai promovendo a súa inclusión sociolaboral a través da educación e o emprego, xerando oportunidades e contribuíndo co seu proxecto vital e profesional. A fundación acompaña á mocidade nun itinerario integral de orientación e inserción para a educación, a formación e o emprego mediante programas como Impulsa Emprego Xoven e Impulsa, ambos presentes na comunidade autónoma.
O primeiro deles, Impulsa Emprego Xoven, acompaña á mocidade da zona da Coruña no seu proceso de busca de emprego con acompañamento individualizado, formación competencial en habilidades brandas e formación técnica con prácticas non laborais en empresas. Durante este primeiro ano de intervención, que se desenvolveu de xullo de 2024 a xuño de 2025, o equipo de Impulsa Emprego Xoven traballou con máis de 100 mozos e mozas do territorio, acadando as 53 insercións laborais. Este setembro de 2025 comezará unha nova edición que incluirá formación técnica con prácticas en empresas de Actividades auxiliares de Comercio e o Carné de Manipulador/a de Alimentos, con 120 horas de aprendizaxe teórica e 100 horas de prácticas reais.
Dirixido a mozos e mozas entre 16 e 29 anos que non estean estudando nin traballando e que estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, Impulsa Emprego Xoven é un programa enmarcado dentro das accións cofinanciadas pola Unión Europea a través do Ministerio de Traballo e Economía Social e, ademais, na Coruña conta co apoio e financiamento da Deputación da Coruña.
A diferenza de Impulsa Emprego Xoven, Impulsa é un programa de intervención nos centros educativos que acompaña á mocidade cara á súa integración social e laboral, mellorando a súa empregabilidade mediante orientación profesional e apoio socioemocional. Traballa con estudantes de Formación Profesional de todos os ciclos, así como con alumnado de Primaria e Secundaria, de maneira coordinada e complementaria ás accións e iniciativas xa desenvolvidas polos centros educativos. En Galicia, desenvólvese en sete centros repartidos entre as provincias da Coruña e Ourense.
Impulsa Emprego Xoven é un programa de Axuda en Acción que se enmarca na convocatoria do programa do Fondo Social Europeo Plus para o período 2021–2027 a través do Ministerio de Traballo e Economía Social.
Impulsa conta co apoio financeiro, en parte dos centros onde se intervén, do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030.
Máis info sobre Impulsa Emprego Xoven
Fai un comentario