O Terceiro Sector é un axente clave na transformación social e na defensa polos dereitos e igualdade das persoas máis vulnerables.
As entidades sociais —asociacións e fundacións— aínda carecendo de ánimo de lucro, constitúen un sector industrial máis, creando valor económico e social.

EAPN Galicia vén de lanzar a campaña #OrgulloTerceiroSector para reivindicar o labor das entidades sociais como un dos axentes fundamentais na transformación social e na prestación de servizos sociais, acceso ao emprego ou a vivenda.
Ao escaso coñecemento súmase a existencia de prexuízos cara o traballo das entidades que conforman o Terceiro Sector. A isto engádese o feito de non consideralo como un axente económico esencial que crea emprego e riqueza. Resultado desta idea son as discriminacións nalgunhas convocatorias, nas que non se ten en conta as características das entidades sociais e os perfís cos que se traballa.
O Terceiro Sector: xerador de emprego e riqueza
As entidades que forman parte do Terceiro Sector de Acción Social son un axente máis do sistema de servizos sociais, de emprego, acceso a vivenda, sanidade, etc. Caracterízanse por unha atención individualizada e integral, poñendo o foco na persoa, respectando tempos de intervención e as súas casuísticas. O sistema de traballo nos servizos sociais, pola súa idiosincrasia, non posibilita esta atención centrada na persoa, como si o fan as entidades do Terceiro Sector.
O “Barómetro del Tercer Sector de Acción Social, en España 2024” publicado pola Plataforma de ONG de Acción Social revelou que o Terceiro Sector move o 1,44% do PIB en España, traducidos en máis de 19 mil millóns de euros que ingresa anualmente este sector. Segundo este estudo, realizáronse 47 millóns de intervencións no ano 2023.
Ademais de desempeñar un papel esencial na defensa dos dereitos sociais das persoas máis vulnerables da poboación, contribúe na xeración de emprego: neste último ano máis de 600.000 persoas estiveron empregadas e 1,4 millóns traballaron de forma voluntaria .
Presentación no Almorzo On/off da man do Colexio de Xornalistas de Galicia

(De esquerda a dereita) Xosé Cuns, Clara de Vega, Manuel Rey e Ana Pardo
O pasado 1 de outubro presentouse a campaña #OrgulloTerceiroSector aos medios nun Almorzo On/off, formato que vén organizando o Colexio de Xornalistas dende hai 20 anos co fin de favorecer o diálogo a análise da actualidade con protagonistas de diversos sectores.
O Almorzo On/off tivo lugar unha semana antes do Día Nacional do Terceiro Sector, na sede do Colexio de Xornalistas de Galicia. O acto estivo presentado por Manuel Rey, membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e contou coa presenza de Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia, Xosé Cuns, director da Rede e Clara de Vega, responsable de comunicación. Nas súas intervencións incidiron na necesidade de achegar á cidadanía o labor das entidades sociais e o Terceiro Sector, “onde se coñece pouco máis que o termo ONG para definirnos” explicaba Ana Pardo.
Achegar o Terceiro Sector á cidadanía
O Terceiro Sector é un dos grandes descoñecidos na sociedade en xeral. Mostra disto, atopámolo nos vídeos que lanzamos polas redes sociais. Pequenas pezas audiovisuais que evidencian o escaso coñecemento da cidadanía a través de entrevistas a persoas escollidas aleatoriamente pola rúa. As respostas da cidadanía son un claro exemplo da visión paternalista e voluntaria das ONGs que segue a estar moi estendida na nosa sociedade.
Que é o Terceiro Sector?
Que servizos ofrece?
Que diferenzas hai coa empresa privada? E coa administración?
Cres que é fundamental na sociedade? Por que?
En tres palabras, como definirías a unha persoa que traballa no Terceiro Sector?
Con esta campaña preténdese derribar estes mitos, mostrando o traballo fundamental das entidades sociais. Da man das persoas traballadoras e participantes, proporcionarase información veraz e rigorosa do seu labor social.
Aquí tendes as respostas das entidades sociais. O Terceiro Sector dende dentro:
Que é o Terceiro Sector?
Que servizos ofrece?
Por que é fundamental na sociedade?
A nosa Rede técena entidades como Accem, Acción contra a Fame, Asemblea de Cooperación pola Paz, AGARESO (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social), Arela, Asociación de Empresas de Inserción de Galicia – AEIGA, Asociación de Migrantes de Galicia – AMIGA, Asociación para a prevención e a educación social – APES, Axuda en Acción, Federación Autismo Galicia, Boa Vida Inclusión Activa, Cáritas Lugo, Cáritas Mondoñedo-Ferrol, Cáritas Ourense, Cáritas Tui-Vigo, CDR O Viso, CDR Portas Abertas, COGAMI, Dano Cerebral Galicia, Down Galicia, Fundación ECCA Social, Ecos do Sur, Emaús Galicia, Fundación Amaranta, Fundación Érguete Integración, Fundación Esplai, Federación Alzheimer Galicia – FAGAL, Hogar Sí, Fundación JuanSoñador, Fundación Meniños ,Fundación Ronsel, Fundación Secretariado Gitano, Igaxes, Médicos do Mundo, Movemento pola Paz, o Desarme e a Libertade (MPDL), ONG Mestura, Poten100mos, Provivienda e Saúde Mental FEAFES.
Malia traballar con distintos grupos poboacionais en situación de vulnerabilidade, todas elas teñen presente a causa común: a defensa pola igualdade, os dereitos e a xustiza social. Sempre dende un enfoque centrado na persoa como protagonista e dona da súa propia evolución persoal.
A campaña nas nosas redes:
Instagram: @pobreza_galicia
Facebook: EAPN Galicia
Linkedin: EAPN Galicia. Rede Europea contra Pobreza e Exclusión Social
X: @EAPNGalicia
Bluesky: @eapngal.bsky.social
Fai un comentario