EAPN Galicia impulsa un estudo sobre a provisión e xestión de vivenda polo Terceiro Sector en Galicia. Conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade e do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Para a recollida de información elaborouse un formulario que se achegará ás entidades sociais galegas que desenvolven iniciativas relacionadas co acceso, provisión, acompañamento ou intermediación en vivenda.

Tras anos de incidencia é evidente a situación de emerxencia no acceso a vivendas dignas, axeitadas e accesibles para gran parte de poboación galega, en especial daquela en situación ou risco de pobreza ou exclusión social. No último ano asistimos a un elevado número de iniciativas para afrontar este problema, dende as administracións publicas e dende axentes vinculados co sector inmobiliario e residencial. Así queda recollido no “VIII Informe situación 2024: Asegurando o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible en Galicia” que se presentou nun Seminario celebrado na EGAP e que contou coa presenza de representantes políticos, organizacións de acción social e outras axentes e expertas especializadas.
Neste informe sinálase que un dos retos pendentes na acción pública para impulsar o acceso á vivenda é incorporar ao Terceiro Sector e a súa filosofía de non lucro como axente social imprescindible, tanto nos procesos de inclusión socioresidencial en xeral, como na provisión e xestión de vivenda accesible como parte dos mesmos.
As entidades do Terceiro Sector son coñecedoras de primeira man das dificultades no acceso á vivenda das persoas en pobreza ou exclusión social e, moitas delas, levan anos realizando actuacións neste eido, pero sorprendentemente e a pesares de seren esenciais para asegurar o acceso á vivenda da poboación vulnerable, non se dispón de información detallada do seu impacto, o que dificulta a posta en marcha de medidas públicas e orzamentos de apoio.
Neste contexto, dende EAPN Galicia estase a impulsar un estudo que conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade e do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e que ten como finalidade coñecer e por en valor o papel que desempeñan as entidades do Terceiro Sector na provisión e xestión de vivenda, así como recoñecer a súa contribución no acceso e mantemento da vivenda ou desenvolvendo procesos de inclusión socio residencial con persoas en situación de vulnerabilidade, levando a cabo actuacións de intermediación inmobiliaria, así como enfoques de mediación veciñal e comunitaria.
ACCESO AO FORMULARIO
Este estudo é un punto de partida para o recoñecemento do valor económico e social que estas entidades aportan, así como a súa contribución á creación de emprego e á garantía do sistema de servizos sociais. Un recoñecemento que é fundamental para asegurar e fortalecer mecanismos lexislativos e de financiamento axeitado ás entidades que traballan na inclusión socioresidencial de poboación vulnerabilizada.
Elaboración do estudo e recollida de información
Para a elaboración deste estudo estase a recoller información mediante un formulario dirixido ás entidades do Terceiro Sector que desenvolvan iniciativas relacionadas co acceso, provisión ou acompañamento ás persoas no eido da vivenda. Non so para entidades que xestionen vivenda propia, senón tamén para aquelas que acompañan, interveñen ou median procesos de acceso, uso ou mantemento de vivenda.
A efectos deste estudo considérase vivenda dende unha perspectiva ampla: o espazo destinado a uso residencial estable ou semiestable, onde as persoas e/ou familias desenvolven o seu proxecto vital de forma temporal ou permanente. Caracterízase por ter unha estrutura similar á dunha vivenda convencional, con espazos privados ou de uso compartidos (habitacións, cociña, baño, sala de estar), por exemplo, vivenda de acollida ou emerxencia, piso tutelado, vivendas de transición á vida autónoma, casa de familia ou acollida familiar, vivenda con apoio, vivenda acompañada dalgún tipo de intervención social, etc.
Quedan excluídos deste estudo: centros de acollida temporal, albergues sociais (praza limitada no tempo, sen continuidade residencial) ou centros terapéuticos ou residenciais.
O formulario componse de vintecinco preguntas que xiran en torno a diversas áreas: tipoloxía das vivendas, accesibilidade, finalidade, programas da entidade no eido da vivenda e apoio no acceso ou mantemento da mesma. Non se explica a forma XA adecuada Cada pregunta, Pero en todo caso ou acompañado dunha guía con instrucións Para facilitar as respostas.
O prazo para responder amplíase ata o 20 de setembro.
ACCESO AO FORMULARIO
GUÍA PARA CUMPRIMENTAR O FORMULARIO
Fai un comentario