As entidades do Terceiro Sector son unha peza fundamental na engranaxe do sistema de servizos sociais que precisa dun marco lexislativo e dunha financiación estable para poder sostelo.
No marco do Seminario Anual de EAPN tivo lugar un acto simbólico para poñer en valor o labor do Terceiro Sector, á vez que se poñían de manifesto carencias a solventar.
O último día estivo adicado ao rol do Terceiro Sector na sociedade e a necesaria complementariedade e coordinación cos servizos públicos sociais como garante dunha cobertura de calidade das necesidades de toda a poboación, especialmente a máis vulnerable.
O Terceiro Sector é un motor de transformación social, “si no existiesen, estaríamos peores. Y van a ser más importantes en los próximos años” sinalaba Antón Costas, presidente do Consejo Económico Social na súa ponencia marco do Seminario. A pesares disto, non é anecdótico a sensación de falta de autoestima por parte das propias persoas traballadoras. Feito que se suma ao descoñecemento da cidadanía e a pouca valoración, alimentada en ocasións pola circulación de bulos e desinformacións.
Neste sentido, da man do xornalista Íñigo Caínzos levouse a cabo o Acto simbólico #OrgulloTercer Sector onde o sector cobrou protagonismo. A partir de materiais audiovisuais rescatados da campaña #OrgulloTerceiro Sector que o Grupo de Comunicación de EAPN Galicia impulsou hai uns meses, puídose visualizar o escaso coñecemento da cidadanía, á vez que se lle daba resposta por parte de entidades de toda España con datos rigorosos do seu labor.
Súmate a #OrgulloTercerSector
Hai razóns máis que sufientes para sentirse orgullosas do Terceiro Sector. Somos unha peza clave no reforzo do estado de benestar, creamos comunidade, considerando as persoas que teñen máis dificultade de acceso a espazos normalizados e somos un motor xerador de riqueza e emprego a pesares de carecer de ánimo de lucro. Súmate e alza a voz gravándote un vídeo explicando as túas razóns de por que estás orgullosa de formar parte deste sector e súbeo coa etiqueta #OrgulloTercerSector. Dende EAPN Galicia facemos un chamamento para animarvos a gravar un vídeo respondendo a pregunta “Por que estás orgullosa/o de traballar ou participar no Tercer Sector?” e subilo ás vosas redes co cancelo #OrgulloTercerSector.
Algunhas xa o fixeron.
Manifesto Orgullosas de ser Terceiro Sector. Orgullosas de tecer rede.
Ser Terceiro Sector leva implícito unha gran responsabilidade por iso tamén é preciso ser coñecedores das nosas limitacións, retos e oportunidades. Ser valientes e dar un paso en firme para que se nos considere, demandando unas melloras na financiación e nas condicións. Neste sentido, Raúl Jara, representante de EAPN Castela e León, Paula Tajuelo, representante de Fundación Esplai e Ana Álvarez, secretaria de EAPN Galicia leron o seguinte Manifesto:
Hoxe, 28 de novembro de 2025 reunímonos na Coruña decenas de entidades do Terceiro Sector de toda España no marco do Seminario Anual ‘Garantía de Dereitos e Novos Modelos de Servizos Sociais’. Todas tecendo rede nas distintas EAPN autonómicas e na nosa rede estatal.
Un dos obxectivos do seminario é promover o recoñecemento do Terceiro Sector e o seu papel imprescindible de parte e garante do sistema de servizos sociais. Por iso facer hoxe este acto simbólico baixo o lema ORGULLOSAS DE SER TERCEIRO SECTOR. ORGULLOSAS DE TECER REDE.
Neste sentido, dende as redes EAPN Galicia e EAPN España manifestamos o seguinte:
As organizacións que formamos parte do Terceiro Sector de Acción Social e as persoas profesionais e voluntarias que as impulsamos somos unha peza esencial e imprescindible non só do noso sistema de benestar senón do mesmo estado social e democrático de dereito.
Millóns de persoas en situación ou risco de pobreza ou exclusión social ven garantidos cada día os seus dereitos grazas ao traballo que realizan as e os profesionais de milleiros de entidades sociais en todo o país. Somos garantes do sistema público de servizos sociais, de emprego, de acceso á vivenda, a saúde ou a educación.
Non somos un engadido, senón un actor estrutural imprescindible para a cohesión social, o benestar e a democracia. Pero, sobre todo, somos o reflexo dunha cidadanía solidaria e comprometida cos dereitos humanos e a xustiza social. O noso labor pódese levar a cabo grazas aos millóns de persoas do noso país que achegan cos seus impostos e doazóns, co propósito de conseguir unha sociedade máis igualitaria e cohesionada, e que ademais fan esforzos aínda maiores en momentos de crise ou de emerxencias como os vistos recentemente na dana.
Sen embargo, seguimos enfrentándonos a unha profunda paradoxa. Mentres acompañamos a millóns de persoas cada ano, persiste unha certa invisibilidade e un insuficiente recoñecemento, cando non prexuízos e bulos que cuestionan o noso traballo, a nosa lexitimidade e ata a nosa contribución económica.
Temos demostrado con datos que o Terceiro Sector Social é motor de riqueza e emprego, que achega máis do 1,4 % do PIB en España, que emprega a máis de 600.000 persoas e que realiza decenas de millóns de intervencións anuais. Non só xeramos impacto social: garantimos un crecemento económico e un progreso colectivo que respecta e protexe ás persoas máis vulnerables.
As entidades sociais somos innovación, investigación, intervención comunitaria e participación democrática. Creamos valor económico e social. Somos un exemplo de traballo en rede con enfoque de dereitos. Temos a lexitimidade que nos dá o noso compromiso coa rendición de contas e con auditorías internas e externas constantes.
Comunicamos promovendo respecto e tolerancia, combatendo os discursos de odio, a desinformación e o ataque sistemático ás persoas máis vulnerables. Somos, con orgullo, defensoras da igualdade, a diversidade e dun modelo de convivencia basado nos dereitos humanos.
Hoxe queremos afirmar, con orgullo e con forza: Somos imprescindibles, somos esenciais, somos rede.
Asumimos e facemos noso o Manifesto da Plataforma do Terceiro Sector con motivo do Día Nacional do Terceiro Sector, reclamando un enfoque social na xestión das emerxencias, a reconstrución e a inclusión.
Ademais, é imprescindible denunciar tamén os ataques constantes a actores da sociedade civil e das organizacións de cooperación internacional, a violencia e mesmo o asesinato de traballadores e traballadoras, activistas e persoas voluntarias, que están levando a cabo un labor solidario imprescindible en diferentes zonas de conflito en todo o mundo -em detrimento da súa propia integridade-, para auxiliar a poboación civil e garantir os dereitos máis básicos de millóns de persoas.
Para poder seguir exercendo o noso traballo dignamente e de forma sustentada, reiteramos a necesidade e esixencia urxente de garantir un financiamento público suficiente, estable e estrutural que lles permita ás entidades cumprir a súa misión, con condicións laborais dignas para os seus profesionais e seguridade xurídica para a súa acción.
Reivindicamos:
A plena consideración do Terceiro Sector como axente esencial no deseño, execución e avaliación das políticas públicas.
Financiamento estable, plurianual e suficiente que asegure unha actuación efectiva contra a pobreza e a exclusión social e as causas estruturais que a provocan e agravan.
Un marco normativo que garante a sustentibilidade das entidades e a corresponsabilidade do conxunto das administracións públicas.
Un compromiso institucional firme para combater os discursos de odio, a aporofobia, o racismo, a xenofobia, o machismo e todas as formas de discriminación que atacan aos dereitos humanos e debilitan a democracia.
Espazos reais de participación decisoria das persoas en situación de pobreza, como único camiño lexítimo para desenvolver políticas xustas e eficaces.
Hoxe celebramos que, como sociedade civil organizada, somos parte dun movemento que transforma vidas. Que traballamos e queremos seguir traballando desde a cercanía, con visión de longo prazo, complementando o sistema público especialmente cando non chega ou chega tarde.
Que priorizamos ás persoas, respectamos os seus tempos e construímos solucións adaptadas a cada situación. Esta capacidade de tecer comunidade, de acompañar sen paternalismo, de fomentar a autonomía desde un enfoque de dereitos e de intervir con rigor profesional é a nosa maior fortaleza.
Queremos que esta declaración sexa tamén unha chamada aos que aínda dubidan do noso papel. Aos que reducen o noso traballo a un mero asistencialismo. Aos que alimentan prexuízos ou negan a achega inmensa de miles de profesionais e voluntarias que defenden día a día a dignidade de millóns de persoas. Sen vós, sen o Terceiro Sector, España sería un país menos xusto, menos igualitario e democrático.
Somos o Terceiro Sector de Acción Social. Cremos na cooperación fronte á fragmentación e o egoísmo. Na xustiza social fronte ao odio.
Animámovos a sumarvos a este manifesto e a compartilo con outras redes, organizacións e entidades.
ORGULLOSAS DE SER TERCEIRO SECTOR. ORGULLOSAS DE TECER REDE.
Comparte!Contratación dependente da Subvención para o fomento do emprego dos programas de cooperación da Xunta. EAPN Galicia busca unha persoa titulada en Socioloxía ou Antropoloxía, para formar parte da entidade durante 12 meses, exercendo funcións de reforzo da participación, comunicación, incidencia e investigación no eido da inclusión social, sociolaboral ou sociorresidencial. Ademais de traballo en…
Comparte!O XV informe “O Estado da Pobreza en Galicia 2025”, revela que no ano 2024 a pobreza e a exclusión social reduciuse 6,7 puntos, o que se traduce en case 180.000 persoas menos que no 2023. A taxa de pobreza infantil alcanza o seu mínimo na serie histórica cunha caída de 10,7 puntos. O 17,5…
Comparte!EAPN Galicia e a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade organizaron un seminario web para informar a entidades do Terceiro Sector e administracións públicas dos servizos que ofrecen os centros Quérote+. Os centros Quérote+ son recursos de información, asesoramento e formación dirixidos á mocidade galega en temáticas como sexualidade, LGTBI+, benestar emocional, promoción da igualdade…
Comparte!O Terceiro Sector é un axente clave na transformación social e na defensa polos dereitos e igualdade das persoas máis vulnerables. As entidades sociais —asociacións e fundacións— aínda carecendo de ánimo de lucro, constitúen un sector industrial máis, creando valor económico e social. EAPN Galicia vén de lanzar a campaña #OrgulloTerceiroSector para reivindicar o…
Comparte!O Seminario web: Medidas urxentes de apoio ás familias monoparentais pon de manifesto a escaseza de accións para protexer ás familias monoparentais. Case 4 anos de incumprimento da Lei de Impulso Demográfico agrava a situación destas familias. A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) e EAPN Galicia organizaron o 18 de setembro…
Comparte!Presentamos unha das novas entidades membro de EAPN Galicia. Ayuda en Acción é unha ONG internacional que traballa con infancia e mocidade, acompañando e xerando oportunidades de desenvolvemento. Un dos seus obxectivos é facilitar o acceso á educación e transición cara o emprego e o emprendemento. Poñendo o foco na propia persoa como xeradora de…
Comparte!Galicia é a segunda autonomía que máis crece, marcando a Casilla no imposto de sociedades o 20,2% das empresas, fronte ao 2% da campaña anterior A nivel nacional máis de 300.000 empresas logran unha recadación histórica de 83,68 millones de euros co seu xesto. O prazo para a presentación do imposto de sociedades está aberto…
Comparte!EAPN Galicia e a Valedora do Pobo abordan temas que atinxen ás persoas en situación de vulnerabilidade a prol da defensa dos seus dereitos A Valedora do Pobo transmite a preocupación compartida polo latente e estendido discurso do odio na súa visita á sede de EAPN Galicia O pasado 8 de xullo a Valedora…
Comparte! O 18 de xuño, Día Internacional para Contrarrestar o Discurso de Odio, as entidades que integramos EAPN Galicia aprobamos por unanimidade na nosa Asamblea Xeral a declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia”. Nun escenario internacional cada vez máis polarizado, onde a desinformación e os prexuízos xeradores de discursos de odio…
Comparte!Máis de 80 persoas berraron “Que non nos limite ninguén!” no XVI Encontro Galego de Participación celebrado o pasado 11 de xuño en Santiago de Compostela, baixo o lema Estereotipos, que non te limiten. Unha xornada na que se abordaron as barreiras e dificultades de acceso a servizos básicos, así como un trato discriminatorio por…
Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.
Fai un comentario