O clima político galego, onde non hai cabida para o odio, favorece unha redución significativa da pobreza

0 599
Comparte!
O XV informe “O Estado da Pobreza en Galicia 2025”, revela que no ano 2024 a pobreza e a exclusión social reduciuse 6,7 puntos, o que se traduce en case 180.000 persoas menos que no 2023.
A taxa de pobreza infantil alcanza o seu mínimo na serie histórica cunha caída de 10,7 puntos. O 17,5 % dos nenos, nenas e adolescentes seguen estando en risco de pobreza.
O Estado de Benestar evitou que 760.000 persoas entrasen na pobreza. De non existir ningunha transferencia pública a situación de pobreza chegaría ao 42,3%, un total de 1.144.000 persoas.
Os fogares en situación de pobreza destinan máis do 33% dos seus ingresos á vivenda.
A modificación da Lei de Inclusión Social, o apoio ás familias monoparentais e asegurar programas integrais de inclusión sociolaboral, retos no avance na redución da pobreza.

O 17 de outubro, Día Internacional da Erradicación da Pobreza, EAPN Galicia – Rede Galega de Loita Contra a Pobreza e a Exclusión Social presentou o XV informe do Estado da Pobreza en Galicia 2025, no Parlamento de Galicia. O acto contou coas intervencións do presidente do Parlamento Miguel Ángel Santalices, a Valedora do Pobo, Mª Dolores Fernández e de EAPN Galicia representada pola súa presidenta, Ana Pardo, o director, Xosé Cuns e a responsable de investigación, Nerea Rivero.

Este informe forma parte do Estado de la Pobreza 2025. Pobreza y territorio: Comunidades Autónomas y Unión Europea.” da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN-España) que avalía o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, especialmente o ODS 1, que busca reducir á metade a pobreza en todas as súas formas.

Estes últimos datos correspondentes ao 2024, con toda a prudencia, levan ao optimismo. Malia que a pobreza e a exclusión social sufriu unha caída de 6,7 puntos, case 509.000 persoas residentes en Galicia permanecen en risco de pobreza e exclusión social.

En Galicia a taxa AROPE baixa, ao contrario que noutras Comunidades Autónomas como Madrid, Castela A-Mancha, Murcia ou Castela e León que suben. Este fenómeno débese en parte aos avances nas políticas sociais e medidas de protección que se poden levar a cabo grazas á implicación das distintas formacións políticas que integran o Parlamento, onde non hai cabida para o odio.

Diminúe a fenda de xénero

A fenda entre homes e mulleres estreitouse no ano 2024. Das 509.000 persoas en risco de pobreza e/ou exclusión social, 228.000 eran homes (77.000 menos que en 2023, 6 puntos) e 281.000 mulleres (103.000 menos que en 2023, 7,4 puntos).

Estes datos aínda que positivos hai que tomalos con precaución. A pesares do incremento no emprego feminino e unha menor fenda salarial, segue persistindo unha maior precariedade laboral e pobreza nas mulleres.

A taxa de pobreza infantil alcanza o seu mínimo na serie histórica

O risco de pobreza e exclusión social infantil e xuvenil cae 10,7 puntos no ano 2024, revertendo os datos do último informe. Pasou de encabezar o valor máximo dentro dos grupos de idade cun 28, 2% no 2023 a representar o valor mínimo cun 17,5% no 2024.

Outro cambio de tendencia observámolo na taxa AROPE nos fogares con ou sen menores. Mentres que no ano 2023, a porcentaxe de risco de pobreza dos fogares con nenos e nenas era dun 27,1%, no 2024 experimenta unha caída ata o 15,7%. Tanto é a baixada, que os fogares sen menores, aínda cunha redución do AROPE, teñen unha porcentaxe maior cun 21%. Este xiro de guion pode ser resultado das políticas de protección ás familias a nivel autonómico que se están a dar como a gratuidade das escolas infantís ou a tarxeta benvida. Estes datos non son tan positivos se analizamos por tipoloxía do fogar. O 31,2% das familias monoparentais galegas seguen a estar en risco de pobreza.

O papel clave das administracións públicas

As administracións de ámbito estatal, autonómico e local xogan un papel clave na redución de pobreza coas súas políticas sociais e medidas de protección. De non existir ningunha transferencia pública (Estado, Xunta ou concellos) en Galicia, en 2024 a situación de pobreza chegaría ao 42,3% (aumentando un 197,6%, 28,1 puntos). Actualmente a taxa de pobreza é do 14,2%, é dicir, 384.000 persoas. De non existir ningunha transferencia ese número ampliaríase a máis de 1.144.000 persoas en total, o que suporía 760.000 persoas máis en risco de pobreza que a cifra actual.

O impacto das pensións de xubilación e supervivencia en Galicia é maior que a nivel nacional. Mentres que manter as pensións de xubilación e supervivencia reduce a pobreza en Galicia 22,5 puntos, a nivel nacional o fai en 16,6 puntos.

Si se mantiveran as pensións de xubilación e supervivencia e non houbera outras transferencias e medidas contra a pobreza e a exclusión social das diferentes administracións, a taxa de pobreza alcanzaría o 19,8 % da poboación galega (5,6 puntos máis), é dicir, unhas 536.000 persoas en total (152.000 máis) o que confirma a importancia do sistema de protección máis alá das pensións.

O aumento da renda media e a inclusión sociolaboral da poboación migrante, factores da redución da pobreza en Galicia

A renda media por persoa en Galicia incrementouse ata os 14.558€, cun aumento de 1.411€ con respecto ao 2023 (reducindo a distancia coa media estatal que en 2024 se incrementou ata os 14.807€, cun aumento de 725€ con respecto ao ano anterior). A estes datos hai que engadirlle a subida do coste da vida, polo que se actualizamos segundo o IPC, o incremento dende o 2008 ata o 2024 en Galicia, sería de 1.374€ e o seu valor real sería 10.856€.

A outra variable que favorece a diminución da pobreza en Galicia, atopámola na poboación migrante. Galicia experimentou nos últimos anos un aumento de persoas que migraron e se quedaron na nosa comunidade. Feito que contribuíu a aumentar a taxa de emprego. No 2024, a poboación estranxeira ten unha taxa de emprego máis elevada que a poboación nacional representando o 53,3% de persoas migrantes con emprego fronte ao 48% das nacionais. Malia que ocupan máis empregos que os nacionais, teñen a taxa de pobreza máis alta (50,1%) que a da poboación con nacionalidade española (15,6%).

Privación Material e Social Severa, pobreza enerxética e emerxencia residencial

A Carencia Material Social Severa tamén sofre un descenso notable. Do 8,2% no ano 2023, diminuíuse ata un 4,8% no ano 2024. Ao redor de 130.000 persoas están nesta situación en Galicia, 91.000 menos que no ano anterior.

Todos os elementos que compoñen este indicador melloran. A pesares disto continúa a haber ítems que seguen manténdose elevados, como a taxa de persoas que non poden permitirse manter a vivenda a unha temperatura axeitada, pasou dun 21,6 % no 2023 ao 16,6% no 2024 ou a de persoas que non teñen capacidade para afrontar gastos imprevistos (que pasou dun 29,2% en 2023 a un 26,8% en 2024).

A vivenda segue a ser un factor de empobrecemento

Os fogares en situación de pobreza continúan a facer un maior esforzo no pago da vivenda, un 33, 2% dos seus ingresos está destinado a costearse unha vivenda.

Segue a existir unha fenda importante entre as persoas que viven de alugueiro e as que viven en propiedade. Un 36,1% de persoas que viven de alugueiro están en risco de pobreza fronte a un 14,8% que viven en propiedade. Este dato dá conta da subida dos prezos dos alugueiros que afecta principalmente á poboación en pobreza e que dificulta aínda máis as dificultades de emancipación da mocidade e desenvolver o seu proxecto vital.

Claves de futuro para a loita contra a pobreza e a exclusión social

“A mellora da maioría dos indicadores demostra que cando hai vontade política e compromiso orzamentario conxunto das administracións, é posible avanzar. Non é casualidade. En Galicia, estes indicadores melloran moito máis que no conxunto do Estado”. Así comezaba Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia a súa intervención coas conclusións no Parlamento, lembrando que malia os datos positivos presentados, aínda existen máis de medio millón de galegos e galegas que permanecen en situación de pobreza e exclusión social.

É preciso unha coordinación e traballo conxunto entre as administracións estatais, autonómicas e locais como garante na eficacia das medidas de protección e atención ás persoas. Destinar recursos é competencia de todas as administracións.

Dentro deste escenario que leva o optimismo habería tres medidas que deberían ser prioritarias a abordar como “a modificación da Lei de Inclusión Social para facilitar o acceso á RISGA e a súa complementariedade co IMV mentres non se transfira á Xunta, o apoio ás familias monoparentais, máis de 35.000 na pobreza. Acatando por fin a Lei de Impulso Demográfico e asegurar programas integrais de inclusión sociolaboral para quen pode traballar” detallaba a presidenta.

Para rematar subliñaba que moita parte destes datos positivos, son resultado do “clima de respecto e tolerancia que caracteriza a Galicia”. Lembraba que na loita polo respecto contra os discursos de odio “as 126 organizacións, plataformas e colexios profesionais que xa asumiron a declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia” comprometémonos a difundir experiencias positivas, exemplos de convivencia, loitar contra a desinformación e evitar a manipulación da realidade”.

Acto polo Día Internacional da Erradicación da Pobreza

Membros da Rede Galega contra a Pobreza – EAPN Galicia

O acto levado a cabo no Parlamento de Galicia contou estivo presidido por Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento, que afondou na estreita relación entre a pobreza e a dor, coincidindo ambas causas en efeméride. A continuación Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia que adiantaba unha breve valoración dos datos do informe, deu paso a Xosé Cuns e a Nerea Rivero, director e responsable de investigación de EAPN Galicia, que detallaron os resultados do informe.

Trala análise dos datos con propostas e retos futuros da presidenta de EAPN, Mª Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo remarcou que a loita contra a pobreza é responsabilidade de todas e todos e que é preciso combater os discursos de odio que encerran prexuízos das persoas en pobreza.

A clausura do acto estivo a cargo do presidente do Parlamento que celebrando os alentadores datos presentados no informe, chamou á prudencia. Lembrou a Declaración Institucional que se aprobou por unanimidade un día como hoxe no 2020, resaltando e reafirmando que “ningunha persoa é culpable da súa pobreza”.

 

 

Informe completo

Informe executivo

 

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Rúa República do Salvador 3, 2ºD
Santiago de Compostela
15701 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies